miércoles, 11 de mayo de 2016

CLARÍN, semanario independente de esquerdas.


CLARÍN, Semanario Independiente de Izquierda, foi un xornal pontevedrés cunha existencia que pasou desapercibida para os estudosos do xornalismo republicano; a súa curta existencia (todo indica que só se publicaron seis números) e a escasa difusión posiblemente expliquen esta ausencia. Detrás desta iniciativa estaba o impresor e libreiro Clemente Martínez Gendra, o empregado Germán Fernández Gracia e o propietario Manuel Villar Cimadevila, este último natural de Vila de Cruces e residente en Vigo. Todos eles estaban na órbita do partido Izquierda Republicana. O primeiro director foi Germán Fernández e, tras a súa dimisión, parece ser que  o substituíu Villar no último número. A administración e dirección estaba no local que Martínez Gendra tiña na praza de Curros Enríquez, cada exemplar custaba 15 céntimos (o último foi gratuíto) e o primeiro número publicouse o 4 de xaneiro de 1936.
O xornal republicano “El País” saúda a saída deste semanario como iniciativa “de un grupo de jóvenes entusiastas para quienes la Libertad y la Justicia no son un mito, salen al palenque de la Prensa para defender la causa de la Democracia y combatir el fascismo” (El País, 6-1-36). 
Pero o novo xornal pronto se faría notar polos  ataques a políticos de diferentes partidos, sacando á luz aspectos pouco convenientes do seu pasado. Personaxes do partido Radical (“All-Capone Electoral Band”), dirixentes da patronal pontevedresa como o fabricante de alpargatas Ricardo Melero, a quen alcuman Ricardo “El Negro”, Alejandro Viana, Prudencio Landín, Bibiano F. Osorio Tafall, Celestino Poza Cobas, Portela Valladares e moitos outros. As tradicionais liortas entre o republicanismo pontevedrés non son alleas a estes ataques.
No saúdo e declaración de principios que aparece no primeiro número, explicita que o seu obxectivo é 
"hacer honesto y habitable nuestro maltrecho solar" e, para conseguilo, os ingredientes principais eran: 
Juventud y entusiasmo. Convinciones (sic) hondamente contrastadas y ese gran acicate que es la visión de la miseria e injusticia que azota a nuestros entrañables obreros y campesinos.
 Denuncian, a nivel nacional, “la confabulación sórdida de todos los malos intereses alentando el fascismo criminal” e, na provincia, “el resurgir nauseabundo de todo el viejo barbudo caciquismo acaparando el favor de las autoridades gubernativas.
Contra todo esto; contra la dictadura impúdica y nefasta; contra unos nuevos agrarios de ópera bufa que no saben jota de la tierra y de sus problemas; contra ese noxento mimetismo político que hace posible la maravilla de despertar portelistas entusiastas a los que se habían acostado emilianistas [...] a favor, en fin, del GRAN FRENTE POPULAR, que nace en estos momentos llevando la esperanza a todos los pechos democráticos, venimos a pelear.”
Declárase á marxe de partidos e sen ataduras a ningunha disciplina.
A Celestino Poza Cobas bótanlle na cara que fora inimigo declarado de comunistas e galeguistas e a súa actuación como esquirol na folga de tranvías, pero celebran, sarcasticamente, que rectificase a súa conduta política e agora fose do brazo de Castelao e García Filgueira; critican a integración de Poza na candidatura da FP e consideran que Unión Republicana debería chamarse Unión Monárquica Industrial.
A Bibiano F. Osorio Tafall tamén lle adican o “rapapolvo” correspondente:
 ¡¡ Republicanos de Izquierda, Trabajadores, Campesinos!! En el momento de votar no olvidéis que Bibiano F. Osorio Tafall, candidato de la coalición de izquierdas, ex-somatenista y ferviente devoto del Corazón de Jesús, NO VOTÓ el artículo 26 de la Constitución.” (Este artigo era o que trataba sobre a disolución das ordes relixiosas).
Manuel Portela Valladares tampouco se libraba:
 Portela Valladares, masón de alto grado, aparece a la cabeza de los que dicen: No pasará el Marxismo, la Masonería y el Separatismo”. ¿En que estamos? ¿Portela Valladares es masón, regionalista o fariseo?
Este carácter combativo do semanario e a dureza das súas críticas propiciaron ataques e enfrontamentos con numerosos sectores da política pontevedresa. No que consideramos o último número, publicado o 12 de febreiro do 36, fan unha petición de voto para a candidatura da F.P. eliminando na lista a Tafall, Poza, Guiance e Viana, poñendo no seu lugar a Gonzalo Martín March, José Adrio, Víctor Fraiz e Ángel Cadavid, pois consideran que
 Es la única candidatura en la que no figura ningún somatenista, agente de la dictadura o enemigo de los trabajadores. ¡¡Votadla íntrega (sic) el próximo día 16!!

No hay comentarios: