miércoles, 22 de julio de 2009

Incautacións de bens: Juventud Lerezana.


Unha das facetas da represión económica levada a cabo logo do golpe militar, comprende a incautación dos edificios pertencentes a entidades consideradas como desafectas polo novo réxime. O 13 de setembro de 1936, o xeneral Cabanellas, presidente da Junta de Defensa Nacional, asina un decreto que no seu preámbulo dicía:

... ha culminado el antipatriotismo en la formación de entidades que, bajo apariencia política, envenenaron al pueblo con el ofrecimiento de supuestas reivindicaciones sociales, espejuelo para que las masas obreras siguieran a sus dirigentes, quienes las aprovecharon para medrar a su costa, lanzarlas a la perpetración de toda clase de desmanes y cristalizar al fin en la formación del funesto llamado Frente Popular...
No artigo 1º declara a ilegalidade das organizacións integrantes da F.P. ou que tomaran parte na oposición ó golpe e, no 2º, decreta a incautación dos bens mobles, inmobles, efectos e documentos dos mesmos, pasando a ser propiedade do Estado.

Na comarca de Pontevedra, as entidades con bens propios son, fundamentalmente, as de carácter agrario e no expediente de responsabilidades políticas procedentes de entidades marxistas, figuran as seguintes: Caja Rural de Lérez, Sociedades de Agricultores de Bora, Lérez, Salcedo e Mourente, Sociedades de Agricultores e Obreros de Marcón e Tomeza e Juventud Lerezana.

Esta última é a única que non ten carácter agrario pois é unha sociedade recreativo-cultural, fundada o 2 de maio de 1929 e que no seu regulamento (art. 16) afírmase:

Siendo una de las principales misiones de esta colectividad difundir la cultura, el local social permanecerá abierto todas las noches para que los socios puedan dedicarse a la lectura de libros, revistas...

Non vai ser ata o 23 de xullo de 1933 que inauguren un local propio, construído a través dun exemplar mecanismo de contribución económica, traballo persoal e achega de materiais. O importe foi de 10447,50 pta.

Logo do golpe, os sublevados apodéranse do local e varios dirixentes lerezáns sofren nas súas persoas a represión.

Un informe do alcalde pontevedrés, Ernesto Baltar Santaló, datado o 27-9-37 (II Año Triunfal) fai unha serie de consideracións sobre as sociedades de agricultores acusándoas de extremistas e de obrigar ós seus membros a votar á Fronte Popular

...obligaban a seguir un ideario marxista, cooperando algunas de elllas, por no decir todas, al Socorro Rojo [...] Con respecto a la Sociedad Recreativa Lerezana, o “Juventud Lerezana” con cuya denominación es conocida, puede concretarse que tenía un carácter de sociedad recreativa, pero de las juventudes marxistas, concurriendo estas al local social, y siendo sus elementos dirigentes miembros de los partidos comunista y socialista.

A Comisión de incautación de bens, logo de expediente instruído polo xuíz de 1ª instancia, acorda o 7 de xullo de 1938, elevar o mesmo á comisión central de bens incautados con sé en Burgos. O expediente remata co acordo desta comisión (14-12-38), baseado no decreto-lei de 13-9-36, pasando o local a depender das organizacións do “Movimiento Nacional”.

Xa no ano 1944, a Comisión Interministerial Calificadora de Bienes Marxistas, en sesión de 20-9-44, acorda que a propiedade sexa da Delegación Nacional de Sindicatos de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, inscribíndoa no rexistro o 4-10.1945.

No ano 1973, o local é adquirido pola Hermandad Sindical de Labradores. Por parte sindical asina Gervasio Martínez-Villaseñor e virtude de poder conferido polo secretario da Organización Sindical (sindicatos franquistas) Rodolfo Martín Villa e pola outra parte, Antonio Puig Gaite, Prohombre da Hermandad Sindical Provincial de Labradores y Ganaderos de Pontevedra, por certo entidade inexistente a estas alturas pois as Hermandades Provinciais foran integradas nas Cámaras Oficiales Sindicales Agrarias no 1947. O prezo pagado foi de 69200 pesetas.


Nota: Na actualidade, o local volveu ás mans dos veciños logo dun complexo proceso.

viernes, 3 de julio de 2009

Por Dios, por la Patria y el Rey



A Comunión Tradicionalista tivo unha certa presencia na Pontevedra dos anos trinta. Nos habituais transvases de militancia dentro da dereita pontevedresa, recibira aportacións procedentes da URD ( por exemplo a de José Torres Salgueiro, de Salcedo que funda o Círculo Tradicionalista) e mesmo nunha data tan avanzada como xaneiro de 1937, a Junta da Sección Femenina deste partido, acorda constituírse como asociación de Margaritas, facendo diversas achegas destinadas aos requetés da fronte.

As “margaritas” pontevedresas estaban presididas pola señorita Rosa Fernández Conde e integrada por damas de familias moi coñecidas da dereita local, en grande parte mulleres ou familiares dos dirixentes masculinos do carlismo. Así atopamos a Asunción Giráldez de Losada (Vicepresidenta), Luisa Vázquez de Silva (secretaria), Lucía Patiño de Novoa, Concepción Herreros Corrales, Mª Eugenia Muíños de Nores e outras con apelidos tan coñecidos como Mucientes, Lino, Puig, Arines, Losada, Hevia, etc que afirman traballar “con todo entusiasmo porque las Santas Tradiciones españolas vuelvan a imperar en España” (Diario de Pontevedra 23-1-37).

A recollida de donativos canalízase a través da organización Socorro Blanco Tradicionalista e, a modo de exemplo, no listado correspondente ao 19 de agosto do 36, aparecen cousas como: ¡Viva el requeté!, 10 pta; ¡Vivan los valientes!, 15; un requeté que da todo lo que tiene, 2,50...

A campaña de recollida de donativos acada o seu culmen coa expedición destinada aos Requetés Gallegos del Apóstol Santiago que combatían no Guadarrama e que, en agosto do 36, reciben os mesmos levados por unha expedición pontevedresa. A repercusión da mesma foi grande e estivo formada por dous vagóns, catro camións e tres turismos. Na súa saída ( 11 de agosto) foi despedida polo xeneral José Iglesias, aínda comandante militar da praza, e ía mandada polo alférez de complemento de artillería Enrique Munáiz.

Os 28 membros que a formaban eran maioritariamente requetés da capital e un dos turismos era o moderno Ford do contratista Santiago Vázquez Fernández ( irmán de Raimundo, Gilberto e Jorge, todos comprometidos cos sublevados).

No Diario de Pontevedra do 19-8-36 e asinada por L.C.M., figura a “Crónica de un requeté” na que nos conta as peripecias da expedición.

Na mesma figuran tres curas: Marcelino Torres Villar, Camilo Fontenla e Liborio Coco Morante. Os tres “van con el reverente deseo de ser incorporados a las filas de combate en el frente de Guadarrama”. A compoñente clerical e o papel dos curas no carlismo son ben coñecidos, M. García Venero (Historia de la unificación. Dist. Madrileñas. Madrid. 1972) escribe:

“El requeté, en cambio, era adoctrinado, en cierta medida por los capellanes que acompañaban a sus unidades.”

Pero deteñámonos na personalidade destes curas carlistas: Liborio Coco procedía de Cambados; Camilo Fontenla era coadxutor de S. Bartolomé e, segundo os xornais da época, ten un comportamento destacado na fronte, tanto de sacerdote como de soldado:

“D. Camilo es algo extraordinario en el frente [...] él es el ánimo y aliento del soldado en el solemne momento del combate [...] no atiende tan solo a los soldados que luchan por España, sino que corre con presteza en auxilio de los rojos que caen en la pelea, consiguiendo con su arrebatadora simpatía, reconciliar a algunos de estos.”
Fora voluntario á fronte “ formando con orgullo y honor en el puesto de vanguardia y de donde retornará cubierto de laurel y gloria”. ( El Progreso, 25-10-36).

Marcelino Torres Villar, orixinario da zona de Caldas, coñecido por Miss Clero polo seu físico, era consiliario do Requeté pontevedrés e vicario das monxas clarisas do convento de Santa Clara. Do seu fervor patriótico pode ilustrarnos o que escribe Evaristo Mosquera (Cuatro años a bordo de una isla. Ed. do Castro. Sada, 1984):

“ se ofreció [Torres] al Jefe del destacamento con estas o parecidas palabras: - Tengo un arma y puedo venir en cualquier momento que me llamen. No me importa dejar seco a cualquier rojo que aparezca.”

Outro cura na mesma onda carlista foi o rexente de Salcedo, Jesús García Gómez, que en outubro de 1936 pide autorización para marchar cos requetés á fronte de combate.

Non deixa de ser curiosa outra iniciativa dos tradicionalistas cando, nos primeiros meses do golpe, coidábase inminente a toma de Madrid e tendo en conta que

el estado de destrucción y miseria de un modo especial en el aspecto espiritual, en que ha de encontrarse Madrid, no es para sorprender a nadie conociendo a la furia masónica que allí ha imperado...(Diario de Pontevedra, 1-10-36)
propoñen a formación de equipos de varios sacerdotes preparados para atender as necesidades espirituais dos madrileños. Irían provistos dun altar portátil con todos os utensilios anexos, incluso “ Sagradas Formas con que alimentar a tantas almas ansiosas de recibir el Pan de los Ángeles”. Galicia tería asignado un altar presidido polo Apóstolo Santiago na glorieta de Cuatro Caminos; a xunta formada a tal efecto en Pontevedra estaba presidida polo comisario de guerra Álvaro Losada, xunto con Leopoldina García Solís, Rosa F. Conde, Rafael e Manuel Sáenz, Antero Marescot entre outros.

No momento do golpe, os carlistas tiñan o local na rúa de García Camba 3 e prestaban garda na emisora de radio local, o incremento de afiliados fixo insuficiente este local e trasladáronse a un edificio dos maristas en Campolongo. Para ingresar nas súas filas era necesario, en todo caso, “informes de sanas costumbres”. O instrutor militar era o capitán Martínez. A composición da Junta Carlista de Guerra en setembro do 36 era a seguinte: Comisario de guerra: Álvaro Losada Fernández; secretario xeral: César López Canabal e os delegados: de requetés, Emilio Lledós (capitán da G. Civil); de intendencia, Octavio Gómez Cervela; de sanidade, Enrique Marescot Iglesias; relixioso, Manuel Vázquez Millares; de propaganda e prensa, Manuel Artime Prieto; de facenda, Carlos Reguera; de ensino, Luis Pintos Fonseca; de investigación, Antonio Iglesias Garcés e inspector de requetés o capitán de infantería Alfonso Martínez. Tamén contaban cunha agrupación escolar tradicionalista da que foi presidente Hipólito Codesido. César López Canabal, personaxe moi coñecido entre os agricultores da posguerra, pronuncia unha charla radiofónica na emisora local (26-1-37) co título: Una Fe, una Patria, un Imperio. O seu irmán Jesús, tamén requeté, morre na fronte en setembro do 38. Na posguerra, Canabal ocuparía o cargo de secretario da Cámara Oficial Agraria (COSA). Tamén era carlista o tristemente célebre funcionario de prisións Fernando Lago Búa, director do penal de San Simón.