martes, 30 de septiembre de 2008

Guardia Cívica de Pontevedra ( e III)

Pero en Pontevedra, a quen está asociado o recordo da Guardia Cívica é ás tarefas de represión, á busca e captura de escapados, ás malleiras e aos “paseos” que tiveron lugar sobre todo na segunda metade do 36. Xa nos primeiros días da súa formación (Diario de Pontevedra 7-8-36) aparece algunha idea das súas actividades:

...Falange Española ha escrito las primeras líneas de este gran romance que tiene ahora tantos cantores. Con ellos, la Guardia Cívica que tomó las armas sin más requerimiento que el de su conciencia, realiza la abnegada empresa de reducir rebeldías contenidas y de garantizar, con el resto de las fuerzas armadas, el orden y la disciplina social subvertidos por logreros de la política.

Non está de máis precisar que a mera pertenza á Guardia Cívica non leva consigo a participación directa neste tipo de feitos, mesmo hai testemuñas que acreditan intervencións de cívicos para evitalas, e tamén é certo que non son exclusivas desta organización, pois outras milicias como a de Falanxe tamén teñen a súa cota.

Por diversas razóns, inclinámonos a soster a existencia de, polo menos, un grupo dunhas vinte persoas, fundamentalmente cívicos con 4 ou 5 gardas civís, que baixo o mando de Lis, acompañado do alférez da G. Civil Muñoz e o cabo Barjas, actuaba a xeito de sección encargada da persecución directa das persoas comprometidas coa república. Os nomes e, sobre todo, os alcumes de cívicos que alcanzaron notoriedade pola súa implicación directa na represión, están na memoria de moitos e aínda causan arrepío nos que coñeceron os feitos.

En diferentes entradas deste blog xa fomos relatando numerosas intervencións da G. Cívica que, durante un tempo, non se recataba de difundir nos xornais algunhas das súas fazañas, por exemplo, no xornal El Progreso desta capital informábase o 11 de febreiro do 37:

Continúa la Guardia cívica de esta capital realizando importantes servicios que ponen de manifiesto el celo y la actividad desplegados desde el comienzo del alzamiento militar, al lado de la benemérita. A los muchos servicios prestados, unos conocidos y otros que no se dieron a conocer debido a la modestia de los componentes de la laboriosa como patriótica organización, tenemos que añadir hoy [...] El jefe Sr Lis y el cabo de la Guardia Civil señor Barjas con fuerzas a sus órdenes, procedieron hace días a la detención de los vecinos de Paredes, en el cercano ayuntamiento de Vilaboa, José Valladares Iglesias, Aurelio Cal Bravo, Josefa Cal Conde y Afligida Acuña Mata por suponerse proporcionaban alimentos y albergue en sus respectivos domicilios a significados elementos del Frente Popular y que también habían tomado parte muy activa en los sucesos de julio último. Como consecuencia de estas detenciones, en la mañana de anteayer también se detuvo por los señores Lis y Barjas a Emilio Conde Conde, este huído desde hace seis meses. Igualmente fué detenido...

Pero a intervención deste grupo non se limitaba á xurisdición da zona de Orden Público da capital (partidos xudiciais de Pontevedra, Caldas, Cambados, A Estrada e Lalín). As súas actuacións chegan ao mesmo Vigo, que conta con Guardia Cívica propia:

Por una confidencia que tuvo, la Guardia cívica de esta capital ha detenido en Vigo a Manuel Torres que en julio último tomó parte activa en los sucesos revolucionarios. En Marcón, fué detenido el vecino de aquella parroquia Manuel Álvarez Freijeiro, a quien el oficial sr Lis le ocupó una escopeta. En esta capital, fué detenido Carlos Gil y el significado extremista de Salcedo apellidado Rúa. Este intentaba, en la mañana de ayer, inscribirse como voluntario para ingresar en el Tercio. (El Progreso 22-1-37)

Este último, o xornaleiro de 28 anos de Salcedo, Gerardo Bao Rúa e do que outro xornal precisaba que fora detido “con su amante”, foi “pasado por las armas por incurso en los bandos vigentes” o 30 de xaneiro de 1937.

Son moitos os testemuños sobre as prácticas de tortura levadas a cabo por determinados elementos da G. Cívica, moitas delas efectuadas nas cortes dos cabalos do cuartel da antiga feira. Tamén- aínda que non pode adxudicárselle en exclusiva aos cívicos- é corrente unha sorte de ritual macabro, consistente na amputación dos xenitais dalgúns asasinados e posterior colocación na boca do morto. Esta práctica tamén está documentada noutras zonas de retagarda fóra de Galicia e coincide coas levadas a cabo polas tropas moras.

Pasados uns meses e cumprida a finalidade desta encarnizada represión, cun crecente malestar en moitos sectores do propio réxime e tras un proceso de depuración aberto na Falanxe pontevedresa, aparecen unha serie de disposicións limitando a circulación nocturna dos cívicos. En xullo de 1937 queda integrada, xunto con outras milicias, na Milicia Nacional de FET y de las JONS ...unificadas las milicias combatientes nacionales en la Falange Española Tradicionalista y de las JONS, todas las fuerzas auxiliares que presten servicios de orden público en pueblos y localidades de retaguardia quedan afectas a la Milicia Nacional dependiendo de los jefes militares provinciales de la misma.

sábado, 20 de septiembre de 2008

Guardia Cívica de Pontevedra (II)

Á fronte da mesma estivo sempre un militar: o primeiro xefe foi o tenente da G. Civil Inocencio Rivera Balado, relevado en outubro do 36 polo capitán do mesmo corpo Emilio Lledós Muñoz e, o 15 de xuño do 37, é nomeado o capitán de infantería Carlos Cabezas Carlés que continuará tamén no cargo baixo a nova denominación de Milicia Nacional de 2ª Línea.

De tódolos xeitos, a cabeza visible e quen dirixe en persoa as actuacións máis destacadas da mesma é o exdeputado dereitista Víctor Lis Quibén, médico e alférez de complemento. No acto de reposición da bandeira (El Pueblo Gallego 1-9-36) a G. Cívica é conducida por Bernardito López baixo o mando de Lis.

En canto aos nomes dos dirixentes da Guardia Cívica, en varias publicacións aparecen os nomes dos oficiais da mesma, ás veces con pequenos e comprensibles erros. Logo do baleirado de todos os partes de servizo coñecidos da G. Cívica e que da como resultado un total de 390 membros (pode haber unha pequena variación), publicamos a relación completa dos oficiais que neles figuran, antes da súa integración na Milicia Nacional da 2ª Línea: Aparte os militares xefes da mesma, xa nomeados, son: Víctor Lis Quibén, José Acuña Núñez, Enrique Alonso Muñoz, Manuel Corbal Corbal, Leoncio Feijóo Sueiro, Calixto Lois Fernández, Bernardo López Durán, Vicente López García-Mosquera, Gustavo Losada Amor, Claudio Losada Fernández, Francisco Javier Mosquera Caballero, Jesús Muruáis Carrillo, Néstor Pazos Feijóo, Carlos Rodríguez Soriano, Faustino Temes Diéguez e Enrique Vázquez Lescaille. Nunha “foto de familia” reproducida fai anos nun xornal, tamén aparece un militar, o comandante Pereira.

A estrutura diaria de servizo compoñíase de oficiais e sarxentos de garda e vixilancia, médico e practicante de garda, cabos e militantes encadrados en grupos, e ciclista de garda. Os grupos ou escuadras de choque e auxiliares eran 20. En cada grupo era habitual que os compoñentes foran da mesma localidade , por exemplo o grupo 7 era de Poio, o 9 de Mourente, etc.

O mesmo feito de darse de baixa como cívico podía ser sancionado, por exemplo, unha nota do goberno civil (12-7-37) di o seguinte:

El vecino de esta localidad D. Jesús Jaráiz García que hasta hace unos días perteneció a la Guardia Cívica y hoy es baja, ha sido sancionado con la multa de 500 pta por su falta de civismo, alegando para dejar sus servicios pretextos fútiles y acomodaticios, olvidando que su vida, hacienda, industria y tranquilidad, la están defendiendo en las trincheras sufriendo cuanto sea preciso los verdaderos amantes de la patria.

Os servizos diarios que prestaban consistían en gardas en diversos postos: Hospital, prazas da Peregrina e S. Xosé, carreteira de Vigo, ronda da Seca-Eiriña, garda no cárcere, escolta de trens, etc. Contaba tamén cunha sección ciclista, outra sección montada, a cabalo, integrada por xinetes de Xeve, que participa por 1ª vez no desfile de outubro do 36, e banda de música propia.

Os adestramentos e prácticas de tiro son habituais e realízanse en Monte Porreiro ou ben no monte da Fracha, como o realizado o 10, 12 e 16 de decembro do 36 e nos que participaron tanto auxiliares como de choque. (El Pueblo Gallego, 10-12-36).

Aparte os servizos de garda e vixilancia mencionados anteriormente, a G. Cívica leva a cabo actividades que podemos cualificar de propaganda e de ostentación do poder do novo réxime. Isto lévase a cabo a través de desfiles e marchas, tanto na capital como por distintas localidades dando conta das mesmas os xornais:

En la mañana de ayer fuerzas de Falange, Requetés y Guardias Cívicos, precedidos de la banda municipal de música recorrieron la población deteniéndose en los principales lugares urbanos para fijar y leer pasquines de carácter patriótico. La población acogió con mucha simpatía estos actos. (El Pueblo Gallego 20-9-36).

As testemuñas tamén nos dan conta do mesmo:

Desfilaban os cívicos polas rúas, diante ía Víctor Lis e dous máis e logo a tropa do demo ¿que outra cousa era senón a tropa do demo? Todos cantando o cara el sol e unha vez dúas mozas de Marcón que os estaban mirando na Ferrería e díxolle unha á outra: ese era bo para ti e a outra díxolle que para que quería ela un deses. Debeu escoitalas alguén que as colleron e lles raparon o pelo (V.C.E.).

domingo, 14 de septiembre de 2008

Guardia Cívica de Pontevedra (I)

Tras a sublevación militar, a necesidade de tropas para a fronte fai que, nas zonas de retagarda, se precise persoal encargado de “manter a orde”, máxime sabendo da presencia dun elevado número de membros e simpatizantes das organizacións republicanas que, aínda que escapados ou escondidos e desorganizados nestes primeiros momentos, podían supoñer un perigo potencial para o novo réxime.

Aparte das organizacións xa existentes como os requetés ( con pouca presencia numérica en Pontevedra), milicias das JAP e Falanxe, vanse crear as chamadas Guardias Cívicas. Estas organizacións paramilitares poden recibir distintos nomes (caballeros de Santiago, Defensa ciudadana,etc) pero en Pontevedra reciben o de Guardia Cívica e son coñecidos pola xente como “os cívicos”.

Os precedentes das gardas cívicas podemos atopalos xa en tempos de Felipe V e nas Milicias Nacionales, encargadas de “defender a orde e a paz” ao longo do século XIX. Con posterioridade, o modelo máis achegado é o dos somaténs, cos que tivo unha estreita relación un dos principais encargados da orde pública no novo réxime: o xeneral galego Severiano Martínez Anido.

Pero este tipo de organizacións, dende principios do s. XX non son privativas de España pois xorden en varios países europeos ante o medo aos movementos revolucionarios, tendo sustento ideolóxico na Entente Internationale contre la IIIª Internationale, con sé na Suiza e que pretendía ser a contrapartida da Komintern comunista. O seu lema era a defensa da orde, a familia, a propiedade e a patria. O seu Boletín tiña difusión entre militares españois como o propio Franco. O tte coronel Ungría foi na dictadura de Primo de Rivera, secretario da oficina española da Entente e logo sería o organizador e director do Servicio de Información y Policía Militar (SIPM) ou sexa os servizos secretos dos sublevados. ( Véxase: González Calleja, Eduardo e Del Rey Reguillo, Fernando.La defensa armada contra la revolución. Madrid: CSIC, 1995).

A Guardia Cívica encadraba a aquelas persoas que por idade, ocupación ou determinadas circunstancias, non eran susceptibles de enrolarse nas unidades de primeira liña e, polo tanto, prestaban servizo nas súas propias localidades. Con motivo da formación da G. Cívica viguesa, o seu xefe, comandante Crespo, en El Pueblo Gallego (19-9-36), expresaba así as súas características:
es una agrupación organizada de ciudadanos que se ponen al servicio y en relación del Ejército liberador de España y de la Benemérita Guardia civil según los pueblos y circunstancias con la misión de defender la vida, la hacienda, la religión, el orden y la autoridad de un pueblo [...] El Guardia Cívico ha de ser un hombre ejemplar, generoso, educado, patriota, ha de merecer el título de Caballero Guardia Cívico, como antiguos caballeros españoles, ejemplos del mundo, pensando siempre en España una, España grande, Imperial siempre, España libre ¡Viva España!.

O mesmo xornal (28-8-36) afirma:
...no tienen matiz político determinado [...] siempre al lado y a las órdenes del Ejército o de la Guardia Civil [...] personas que por su edad, vicisitudes de familia, dirección de negocio o profesión deben prestar servicio en la población o en el rural unicamente y como caso normal pero en caso de necesidad de la Patria no medirían distancia, destino ni sacrificio.
En Pontevedra capital, o organizador da G. Cívica é o comandante da Guardia Civil D. Joaquín Velarde Velarde. Víctor Lis no seu discurso con motivo do festival da G. Cívica expresa ...nuestra profunda gratitud pero muy especialmente al benemérito cuerpo de la Guardia Civil por la confianza inmerecida que ha depositado en nosotros, a sus dignos jefes y oficiales pero en particular a su digno comandante don Joaquín Velarde y Velarde a quien tanto debe la Guardia Cívica de esta ciudad. (El Progreso 28-11-36).

Esta estreita unión entre G. Civil e cívicos tamén se expresa na mesma ubicación de ámbalas dúas no campo da feira (hoxe praza de Barcelos). Na regulamentación das milicias nacionais, dictada en decembro do 36, determínase que as forzas auxiliares que teñan por misión servizos na retagarda, estarán sometidas ás disposicións da Cartilla da Guardia Civil e obrigadas a facer o oportuno atestado nas detencións ou sucesos en que interveñan.

A procedencia socioeconómica dos seus integrantes é variada pero con preponderancia de clases acomodadas : propietarios, empresarios, comerciantes, médicos, aínda que non faltan obreiros e funcionarios, etc. Tampouco fallan persoas marxinais, acadando algunhas unha triste fama polos seus feitos.
Politicamente destacan pola súa anterior militancia dereitista: monárquicos, Renovación Española, partido Radical e partido Agrario Español ( doce membros do seu comité organizador na capital pertencen á mesma e por acordo unánime da súa dirección, en agosto do 36, van entregarlle os seus fondos (387 pta). Non faltan persoas que ocuparon cargos directivos en organizacións agrarias ou (en menor grao) en partidos de esquerda e galeguistas. Debemos ter en conta que os Tradicionalistas, Juventudes de Acción Popular e Falange contaban con milicias propias na nosa cidade sendo a máis importante a falanxista. Tamén teñen presencia notoria na Guardia Cívica ex-membros do somatén e Unión Patriótica de Primo de Rivera e das xestoras dereitistas nomeadas na República.

Nesta variada composición, fóra do núcleo de militantes xa encadrados nos sectores máis dereitistas antes do golpe, non faltaban conversos de última hora , persoas que buscaban salvar algún familiar, facerse perdoar a súa propia actuación ou mesmo xente asustada pola situación.

miércoles, 3 de septiembre de 2008

Edelmiro Dios Vázquez

Cando en Pontevedra capital se fala de fusilados no 36, unha das persoas ás que sempre se fai referencia é a un home “dos do ferreiro do Pino”. Ese home foi Edelmiro Dios Vázquez e, a pesares do dito anteriormente, o seu nome non aparece entre os mortos anotados no rexistro civil naquela data, nin nos listados actuais de persoas represaliadas.

Edelmiro era socialista pertencendo, como vicesecretario, á dirección do PSOE en Pontevedra, presidida por Ramiro Paz, en xuño de 1936. Tamén pertencía á sección local do Socorro Rojo na que era encargado de “Agit-prop”; un compañeiro seu, Emilio Villar, era o responsable sindical da mesma. Tamén traballaba no eido sindical e xa en 1931 era secretario da directiva dos metalúrxicos pontevedreses.

Sendo presidente das xuventudes socialistas, é detido polos sucesos de outubro do 34 e foi posto en liberdade o 30 de novembro de dito ano.

Nos primeiros días tras o golpe, xunto cun compañeiro, escóndese na zona de Paredes; como a presión de cívicos e falanxistas era grande na zona, logo de estar agochados nun monte próximo ás salinas, marchan a S. Adrián de Cobres. Na noite do 3 ao 4 de setembro, posiblemente tras unha delación, a casa na que están escondidos é rodeada por cívicos e falanxistas acompañados de tres gardas civís. Son detidos e conducidos nunha camioneta ao cuartel da Feira (actual praza de Barcelos) onde estaban asentadas a G. Civil e a Garda Cívica.

O día 4 de setembro, na prensa local aparece a seguinte noticia:

Detención de uno de los jefes de las milicias rojas de Pontevedra. Un grupo de guardias cívicos de esta capital dió anoche una batida en santa Cristina de Cobres para detener a Edelmiro Dios Blanco (sic) vecino del lugar del Pino y a quien se señala como uno de los jefes de las milicias rojas que actuaron en esta ciudad en los primeros días del Movimiento. El servicio de los guardias cívicos dió resultado satisfactorio pues se logró la detención del fugitivo. Edelmiro quedó a disposición del juez militar que lo tiene reclamado. (Diario de Pontevedra 4-9-36).
O mesmo xornal, o día seguinte, precisa que o detido “anteanoche”, ou sexa o 3-9-36, era Edelmiro Dios Vázquez e matiza que o nome dado por erro corresponde “ a un estimado joven pontevedrés muy ajeno a los manejos marxistas”.

A pesares da posta a disposición do xuíz militar, na noitiña do día 4 lévano a declarar e á mañá seguinte aparece torturado e morto no cemiterio de Bora. Algúns dos seus familiares tamén foron detidos. Con posterioridade é trasladado polos seus ao cemiterio de Salcedo.

Case dous anos despois do seu asasinato, o cinco de febreiro de 1938, aínda vai aparecer o seu nome nunha requisitoria militar na que se lle da un prazo de 8 días para presentarse e responder na causa que se lles instrúe por un delito de rebelión. A xeito de burla macabra, aparecen tamén na mesma outras persoas fusiladas facía máis dun ano: Vázquez Cruz (2-12-36), Faustino Gama (29-12-36), Aurelio Torres (23-8-36), Gallego Acuña ( 24-8-36), entre outros.

Na lembranza, 4-9-36 , a 4 do 9 de 2008.