martes, 1 de noviembre de 2016

A morte de José Domingo González "O Tapiceiro"


José Domingo González Boullosa nacera na parroquia pontevedresa de Marcón e vivira algúns anos en Santiago, antes de residir en Vilagarcía, casou con Rosalía Génova coa que tivo tres fillas e un fillo; tapiceiro de profesión, era un destacado militante do partido comunista. No 1934 foi detido por excitación á rebelión e no 1935 multárono con 150 pesetas por distribución de follas clandestinas. Participou como vogal no Comité da Fronte Popular en representación do seu partido.
O 7 de agosto foi detido en Lantaño (Portas) por membros da Guardia Cívica daquela localidade e entregado á Guardia Civil. No interrogatorio manifesta que, o 20 de xullo de 1936, participou nunha reunión do Comité de Defensa da República que se celebrou no concello de Vilagarcía, que este comité veuse desbordado polas masas obreiras que pedían armas e que estaban dirixidas por membros da CNT e algúns da UGT, que rexeitaron a dito comité por non querer “concomitancia ni ingerencias de elementos políticos, a los que doctrinalmente consideran como indeseables.” Afirma que, como consecuencia do anterior, marchou para a súa casa ata que o día 24 de xullo detiveron a súa muller. Por medo aos fascistas, fuxiu e pasou a noite nunha casa de Abalo e de alí marchou a Setecoros (Valga) onde o acolleu o cura. Alí residiu ata o 3 de agosto, día en que desexando ver os seus fillos, marchou a Lantaño onde o deteñen.
O cura, Santiago Garrido Álvarez, coñecía a Domingo porque traballaba na ebanistería do seu cuñado e afirma “que cumpliendo con un deber de conciencia” o acollera na casa; tamén recoñece que tivera acollido uns días a outro fuxido de Vilagarcía: Miguel Sanmartín. Preguntado por se coñecía a militancia comunista de Domingo, dixo que sabía da súa militancia pero “al verlo en su casa en la actitud dicha le alabó su determinación de separarse de todo conflicto.”
Os días de José Domingo estaban contados, o acostumado informe do comandante da Guardia Civil, Joaquín Velarde, datado o 9 de outubro de 1936, confírmanos a realización do “paseo” amparado no habitual intento de fuga:
Al ser conducidos en la noche de ayer los presos Severino García Teijeiro, José Domínguez [sic] González Boullosa y Juan Bacariza Sánchez por el Corneta Casimiro Álvarez Rincón y Guardia segundo Agustín López Ferrero, ambos del puesto de esta Cabecera, al llegar a las inmediaciones de la Villa de La Estrada y como si previamente se hubieran puesto de acuerdo, aprovechando que el autocar que los transportaba acortó la marcha en una curva pronunciada, se arrojaron los tres del referido vehículo dándose a la fuga, siendo perseguidos por la fuerza conductora que inmediatamente se apeó del coche y les hizo varios disparos de fusil por consecuencia de los cuales resultaron muertos los referidos presos, cuyos cadáveres fueron trasladados al depósito del cementerio de La Estrada.
A defunción non aparece inscrita no rexistro estradense senón no de Vilagarcía nunha anotación feita o 3 de abril de 1937, efectuada de acordo coa comunicación e orde “de la Superioridad.”
Na ponte do Regueiro houbo nese día outros mortos, tamén “paseados”: Manuel Guillán Abalo, Ramón Muiños e Jesús Froiz.

No hay comentarios: