lunes, 30 de julio de 2012

Pontevedra, outubro de 1934 (4)




En diversos xornais insístese na necesidade da moderación nas sancións e de evitar inxustas acusacións, vinganzas e delacións anónimas, así o xornal estradense El Emigrado (16-10-34),
 En estas horas abrumadoras, somos todos los españoles partícipes obligados a compartir las amarguras de la Patria, y somos todos, también obligados, a laborar por la restauración de una paz moral y material que una los espíritus en hermandad Nacional, por la reconstrucción de cuanto, en unas horas de obsesión, nos hayan hecho destruir [...]y esperamos del patriotismo de los hombres que se hallan al frente de los destinos de la Patria la suficiente serenidad y acendrado patriotismo, para que entre hijos de una misma patria se reinstaure el imperio de la conciencia, usando del escalpelo de la justicia con mesura y tino.
Continúa o goteo de postas en liberdade de presos, alternados con consellos de guerra. O doce de decembro son liberados os destacados dirixentes da federación obreira Manuel García Filgueira (presidente), José Oliveira (vicepresidente) e Andrés Rey (bibliotecario). Son trasladados ao penal de El Dueso varios veciños de A Estrada (Manuel Coto Chan, Higinio Carracedo e Manuel Vázquez Otero) que estaban presos na capital e foran condenados á pena dun ano 4 meses e un día por participar nos sucesos revolucionarios. Ábrese de novo o prazo para solicitar licencias de caza.
O 18, presididos polo coronel de artillería Mario Sánchez, celébranse consellos de guerra contra Jesús Diéguez Noguerol por tenencia ilícita de armas, Segundo Lorenzo García por intento de agresión a man armada e Carlos Pérez Cameselle, axente de arbitrios de Vigo, por rebelión. Ao día seguinte son liberados os veciños de Domaio José Palmás Pastoriza, Josefa González Crespo, Benito Calvar Calvar e Manuela Ríos que estaban no cárcere acusados de coaccións. O día 29 son detidos en Salcedo, por repartir follas subversivas, Gerardo Martínez Villanueva, José Gómez Pereira e Enrique Cochón.
O 5 de febreiro celebrouse consello de guerra contra Valeriano Riobó acusado de intervir no pasado movemento revolucionario e cunha petición fiscal de dez anos de cárcere, foi defendido por José Adrio Barreiro que logrou a absolución do inculpado. Días despois deteñen en Marín aos militantes comunistas Daniel Gómez Martí e José García Busto como presuntos autores de rótulos subversivos. O 24 de dito mes refórzase a garda do cárcere debido aos rumores dunha evasión de presos políticos.
Pouco a pouco recóbrase a normalidade e o 7 de marzo levántase o estado de alarma, substituído polo de prevención e o 29 remata a clausura das sociedades pero con advertencia da necesidade de que cumpran a legalidade. Aínda así, non se autorizan os actos obreiros do 1º de maio e detense a Antonio Prieto Roque, de Campolongo, que estaba reclamado polo xulgado militar por teren topado no seu domicilio armas e munición en abundancia. En maio deteñen a José Iglesias Rey, canteiro de 23 anos, a quen o capitán da Guardia de Asalto atopoulle unha folla clandestina e a Benigno Vidal Couto, labrador de 18 anos, ambos de Bora; a José Fernández, metalúrxico, José Cortegoso Solla, Eladino Castro Torres, os tres de Mourente, por coaccións a obreiros que ían traballar e tamén a 4 persoas mais como medida preventiva.
Volvamos a finais de 1934. Os incidentes entre militantes de esquerda e dereita aumentan e sucédense continuos enfrontamentos e denuncias. O 30 de outubro pola noite, o militante fascista José Outerelo Carril foi mallado a paus en Salcedo “por un grupo de salvajes que campea en aquella parroquia”
A prensa de esquerda denuncia as tropelías de mozos fascistas como o asalto e roubo da imprenta do xornal socialista La Hora mentres o seu dono, Ramiro Paz, estaba no cárcere, asalto que quedou impune a pesar de que o rumor público sinalou inmediatamente aos seus autores; días despois asaltaron o quiosco dos mesmos donos na praza da República.
 Además, estos elementos, descaradamente no solo no niegan nada, sino que dicen estar dispuestos a acabar por todos los medios no solo con las organizaciones de izquierda, cosa ya de por si condenable sino también con lo que es mucho más grave con el Estado republicano que la Autoridad tiene el deber de guardar. (El País 20-12-34.)
Un grupo de mozos galeguistas repartiu unhas follas nas que lembraban o aniversario da morte de Pardo de Cela e que remataban coa frase “Viva Galicia Ceibe” e acabaron detidos tres deles e rexistrado e clausurado o centro galeguista; a actuación policial contrastaba coa inhibición cara elementos fascistas como “el mismo joven a quien se acusa como autor principal” das tropelías citadas anteriormente. O militante falanxista Vicente Couceiro Amor, que denunciou aos galeguistas polos pasquíns, volveu a presentar denuncia contra o galeguista José Luis Fontenla Méndez acusándoo de que lle pegara e insultara na Ferrería con motivo da denuncia citada. Os galeguistas detidos foron postos en liberdade o 27 de decembro. Hai multitude de denuncias por agresións: Benito Lago Currás denuncia ao fascista José Torres e outros por maltratalo e lesionalo na rúa Xan Guillermo. Na madrugada do día de Nadal, o veciño de Salcedo Gerardo Bao Rúa foi agredido cunha navalla que lle causou unha ferida no peito, polo veciño de Mourente Constantino Rozados. No baile do Pino, na carreteira de Vigo, (3-1-35) un grupo de individuos agrediron e lesionaron a un tal José Piñeiro co pretexto das súas ideas políticas; foi detido o veciño de Salcedo Celestino García. Tamén houbo denuncias contra dous mozos de Salcedo por arrebatarlle a un vendedor varios exemplares do voceiro dereitista J.A.P. e rompelos.
As consecuencias dos sucesos de outubro foron de diversa orde. A represión foi moi dura, o número de detidos e despedidos alto, moitos centros obreiros foron clausurados, concelleiros e outros cargos destituídos, etc. A esquerda adoptou como obxectivo a consecución da amnistía para os encarcerados e a reposición nos seus postos de traballo dos despedidos.
Foi premonitorio o xornal El País (11-10-34): 
 Dos distintas maneras de ver la esencia de la República y sus fines han conducido a ellos. Y, cualquiera que sea el resultado de esta gesta trágica, en la vida de España queda trazado un hondo surco que ha de influír sobremanera en el futuro.
E así foi, co golpe militar do 36, o ter antecedentes de participación nalgún incidente ou ser detido no 34 constituíu un agravante a ter moi en conta nos xuízos ou para ser obxecto dos “paseos”; como exemplo, dos citados ao longo destas entradas referidas aos sucesos de outubro, foron asasinados (en diversas modalidades): Augusto A. González, Manuel Amoedo, José Gallego, Víctor Moldes, Antonio Blanco, Alexandre Bóveda, Cristóbal Peñín, Juan M. Gómez, Dionisio González, Andrés Rey, José García Busto, Ramiro Paz, Gerardo Bao, entre outros.

3 comentarios:

Jacobo A dijo...

Excelente publicación , me gustaría leer más acerca de la Log:. Helenes 7, también me parece muy llamativo el edificio de Archivo histórico de Pontevedra. Saludos.

Jacobo A dijo...

Excelente publicación , me gustaría leer más acerca de la Log:. Helenes 7, también me parece muy llamativo el edificio de Archivo histórico de Pontevedra. Saludos.

Jacobo A dijo...

Excelente publicación , me gustaría leer más acerca de la Log:. Helenes 7, también me parece muy llamativo el edificio de Archivo histórico de Pontevedra. Saludos.