lunes, 20 de febrero de 2012

Mourente (1)

As parroquias dos arredores de Pontevedra foron o berce de numerosas iniciativas de carácter agrario, sindical e político dende finais do século XIX. Destacaron pola súa actividade as de Lérez, Salcedo e Mourente. De esta última trataremos nesta entrada. Viña de lonxe a actividade política sobranceira de personaxes nacidos en Mourente e con residencia fóra da parroquia: José Araújo Pérez, canteiro, un dos primeiros dirixentes da UGT viguesa, líder indiscutible da sociedade de canteiros daquela cidade, morreu en Vigo no ano 1929 aos 59 anos; Enrique Heraclio Botana, compañeiro do anterior nas lides sindicais e tamén pioneiro do socialismo nos tempos de Pablo Iglesias, elixido deputado en 1931, detido o 24 de xullo de 1936 e fusilado o 27 de agosto, Botana era irmán (fóra do matrimonio e non recoñecido) por parte de pai doutro importante político nativo de Mourente: Manuel Portela Valladares, político centrista, propietario do xornal El Pueblo Gallego, destacado membro da masonería e presidente do goberno en tempos da 2ª República. A Portela referíase o semanario La Causa, órgano da Federación Agrícola de Pontevedra e “defensor de los trabajadores del campo y del obrero en general”:
nuestro ilustre paisano Portela Valladares, el hijo del pueblo elevado por su talento cuyo corazón late al unísono de nuestras ansias, de nuestras amarguras, de nuestras miserias.

Nas loitas agrarias do primeiro terzo do século XX participan fillos de Mourente como o serrador Ramón Meis, o destacado dirixente obreiro Manuel García Filgueira e Bernardino Fondevila, este último, logo do golpe militar do 36 pasaríase ao bando falanxista ocupando cargos no novo réxime.
As organizacións xuvenís Juventud Agrícola e Sociedad Recreo de la Juventud organizaban numerosas conferencias sobre temas diversos: medicina, agricultura, política, etc, nas que participan coñecidos pontevedreses como o doutor Filgueira Martínez, o mestre e futuro gobernador de Ourense Gonzalo Martín March, o inspector de ensino Gerardo Álvarez Limeses, o avogado e xornalista Joaquín Poza Juncal ou o catedrático Bibiano Fernández-Osorio Tafall que se felicita que por medio destes actos se puxeran en contacto os traballadores do campo e os obreiros da intelixencia. Non se descoidaba o eido musical e a “Juventud” contaba cunha rondalla denominada “Lira”. O escritor Ramón de Valenzuela, presidente da Federación de Juventudes Recreativas de Pontevedra, dirixía o grupo de teatro que obtivo soados éxitos con obras como O Fidalgo de Xesús de San Luis. O local no que se celebraban estas actividades, a sociedade de agricultores, sería incendiado sobre as catro da madrugada do dez de agosto de 1936.
Na campaña electoral de febreiro do 36 participan en numerosos mitins Aurelio Torres e Ramón Meis e o celebrado en Mourente foi presentado polo mestre, membro de Izquierda Republicana, Isolino Martínez Pérez; este mestre sería sancionado polo novo réxime ao igual que a mestra María Alonso Pérez.
Veciños de Mourente ocuparon cargos relevantes no sindicalismo pontevedrés: o xa citado García Filgueira, líder indiscutible dos comunistas pontevedreses, presidente da Federación Obrera e último alcalde republicano de Pontevedra. Logo do golpe militar permaneceu escondido e entregouse ás autoridades no mes de xullo de 1949. José Oliveira Posada, carpinteiro, vicepresidente da Federación Obrera, detido en numerosas ocasións acusado de coaccións a obreiros con motivo de folgas e boicots; detido polos sublevados, a intervención dunha influínte familia pontevedresa evitou o consabido “paseo”; o seu fillo Alfredo foi “pasado polas armas” o seis de outubro de 1936 en Ferrol.
A familia dos “Marións” contou con varios membros que destacaron tanto no eido sindical como no político: Manuel, Joaquín e Ramón Martínez Vázquez. A Joaquín un informe da Guardia Civil considérao: De mala conducta y antecedentes, comunista y de extrema izquierda, andou fuxido. Ramón ocupou os cargos de secretario e contador do sindicato de albaneis, detido no seu domicilio de Cons foi xulgado en consello de guerra celebrado o 16 de marzo de 1938 e condenado a cadea perpetua que foi conmutada posteriormente e posto en liberdade en 1940. O máis significado da familia foi Manuel, de profesión albanel, participou activamente en canto conflito obreiro houbo en Pontevedra nos anos trinta, detivérono en varias ocasións por coaccións, en 1933 foi denunciado por inxurias e calumnias á autoridade e, con motivo dos sucesos de outubro de 1934, foi posto a disposición do comandante militar acusado de coaccionar aos obreiros para que se apuntasen á folga revolucionaria, así como ás persoas que traían á cidade artigos de primeira necesidade; o primeiro de maio de 1935 detéñeno por resistencia aos axentes da autoridade. Membro destacado do Partido Comunista, formou parte do comité provincial pro estatuto e pertenceu ao comité do Frente Popular. Os informes policiais considerábano gran propagandista dos ideais comunistas entre a clase traballadora e afirmaban que “concurría uniformado y con corbata roja a todas las manifestaciones que se celebraban con carácter marxista”. Participou activamente na organización da defensa contra o golpe militar permanecendo no goberno civil como integrante do comité de defensa da república. Logo da saída das tropas estivo agochado e foi encausado en rebeldía en dúas causas: na 1229/36 como presunto autor dun delito de rebelión por supoñérselle participante nun intento de secuestro de familiares de militares, e no quinto rollo da causa 720/37 , tamén por rebelión. A Comisaría emitiu un informe o 22 de marzo de 1937 no que afirmaba: “es persona de filiación comunista, siendo considerado como de gran peligrosidad, fue directivo de la Casa del Pueblo y perteneció al Comité del Frente Popular.” O vintenove de xaneiro de 1948 presentouse voluntariamente ás autoridades, foi xulgado e condenado a doce anos e un día de cárcere, esta pena foi conmutada por cinco anos de prisión.

No hay comentarios: