lunes, 28 de febrero de 2011

A Caixa Rural de Lérez

Consello de Administración da Caixa Rural de Lérez.


...la libertad política no puede existir sin previa libertad económica y que el caciquismo no es sino el efecto de la esclavización económica, de la miseria material del rus gallego. Si paralelamente a esa labor de fogueamiento espiritual se hubiesen creado en nuestro agro instituciones de carácter económico en cuyo seno el labrador encontrase solución a sus problemas permanentes, a estas horas el caciquismo sería un triste hecho en la Historia de Galicia, pero no una realidad actual [...] El día pues que los labradores gallegos, organizados en potentes cooperativas sean ellos quienes dirijan las diversas funciones de su actividad económica (el crédito, la compra, la venta, la industrialización de sus productos, etc) ese día serán ellos también los dueños del destino político del país por ser ellos no solo los creadores sino también los rectores de la riqueza básica específica de la región.

El Pueblo Gallego, 20-8-1930
Sirva esta longa cita de Manolo Gama, cerebro e impulsor da entidade financeira lerezá, para encabezar esta entrada adicada á Caixa Rural de Lérez. Nos arquivos do Goberno Civil pontevedrés figura como data da súa creación o 11 de novembro de 1925. En xaneiro de 1926 compran os terreos para construír o local social, pois precisan maior amplitude da que dispuñan para acoller as distintas seccións: crédito agrícola, compra, venda, etc.
En 1927 acordan publicar unha revista de técnica e economía agrícola denominada Vida Agraria, dirixida polo avogado e asesor xurídico da entidade, Joaquín Poza Juncal. No ano 1928 e debido á crise de vendas que sofren os viños do país pola entrada de viño doutras zonas, establecen na rúa S. Julián, nº 7 de Pontevedra, un Bodegón Cooperativo da Caixa Rural de Lérez para vender con “garantía absoluta de pureza” os máis exquisitos viños do país, tintos e brancos, das máis afamadas adegas lerezás.
Tamén organizan diversas conferencias sobre temas agrícolas sendo moi soada a que impartiu o catedrático de agricultura do Instituto pontevedrés, Bibiano Fernández Tafall:

Con gran sencillez y elegante estilo, explicó la composición de nuestros terrenos, de las semillas, manera de aplicar los abonos minerales y formas de cultivo, adornando su conferencia con la presentación de muestras que hicieron doblemente amena y práctica la disertación, que fué magistralmente dicha.
El Pueblo, 20-4-1930.


En marzo de 1931, a caixa dou un paso máis na súa expansión converténdose en comarcal, co afán de ofrecer os seus servizos aos agricultores das parroquias circundantes: Alba, Campañó, Cerponzóns, Sª María e Sº André de Xeve e Verducido. Como consecuencia, constituíse un novo Consello de Administración integrado por Diego Montes Peón, de Lérez, como presidente; de vicepresidente Manuel Formoso, de Alba; e como vocais Manuel Portas (Campañó), Constante Fernández (Cerponzóns), Benito Rivas (Verducido), Benigno Torres (Sª María de Xeve) e Manuel Sanmartín (Sº André de Xeve). A continuación celebrouse un mitin no local da sociedade de agricultores, no que interviñeron o presidente da Caixa Rural, o avogado asesor Poza Juncal, o letrado lerezán Paz Andrade e o secretario-contador e “verdadero organizador de esta institución” Manolo Gama.
Pero a actividade da caixa non se limita aos agricultores pois varios sindicatos da Federación Obreira local, tamén depositan os seus fondos na entidade lerezá. Este feito foi aproveitado polo órgano periodístico dos socialistas, o xornal La Hora
(14-1-1932) para criticar duramente a Gama e aos comunistas:

Se nos asegura que los comunoides que mangonean en el Centro Obrero de esta capital, han vaciado las cajas de fondos de varias Secciones – entre éstas, Canteros y Metalúrgicos – en la Caja Rural de Lérez, que dirige Gama, a espaldas de los afiliados. No nos extrañaría la confirmación de esta noticia, pues sería un caso más de dictadura. Mientras tanto, los obreros sin trabajo y sin pan. ¡ Viva el comunerismo!

Eran anos nos que a loita entre comunistas e socialistas pontevedreses para controlar as organizacións sindicais e agrícolas estaba no seu punto álxido.
O novo edificio, obra do arquitecto Emilio Salgado, inaugurouse no ano 1933 e está situado no cruce da rúa Juan Bautista Andrade coa carreteira de Campo Lameiro. Aparte da ampliación das seccións existentes, habilitouse unha planta para a Cooperativa de Consumo, que dispuña de apartados do ramo de comercio, calzado, vestido, etc.
Manolo Gama ocupou o cargo de xerente ata 1934, ano no que cesa alegando motivos de saúde. A crise económica, as malas colleitas, a retirada de fondos das asociacións obreiras debido ás folgas e o custe do edificio, obrigaron aos socios cooperativistas a facer aportacións de diñeiro. O golpe militar de xullo do 36 dálle o tiro de gracia a esta iniciativa.
Segundo fontes orais, dous cívicos armados cominaron a Juan Pérez Piñeiro “O Calacú” , último presidente da mesma, a entregar as chaves do local. Falanxistas e cívicos apoderáronse de tódolos bens e nos xornais pontevedreses apareceu como donativo para a Guardia Cívica “recogidos en la Sociedad Cooperativa de Lérez” unha relación de variadas mercancías, entre elas 43 botellas de licores, latas de conservas, legóns, tesoiras, chourizos, etc.
O 29 de decembro de 1937, a Deputación acorda

Prestar el mayor apoyo moral por considerarla altamente patriótica e inspirada en los más cordiales sentimientos de caridad cristiana y protección humanitaria a la iniciativa que bellamente expuesta...

fai o cura D. Leandro del Río, que pretende crear un Hospitalillo con dez camas para enfermos da parroquia e con servizos gratuítos de dous médicos e varias mulleres como enfermeiras, o cura exercería de administrador. Algunha testemuña ve nesta proposta un intento de D. Leandro para que o local seguise dependendo de Lérez.
A iniciativa non tivo éxito e o xulgado de Vigo, con data de 21 de abril de 1938, concédelle a administración ou posesión interina á Caja de Ahorros de Vigo, como consecuencia da débeda de 15000 pesetas, máis os intereses acumulados. No ano 1963, o delegado de Facenda, en escrito dirixido ao Director Xeral de Patrimonio do Estado e co asunto de: “Bienes procedentes de Entidades Marxistas”, dá conta da situación do inmoble. A redacción do informe e algunha outra circunstancia, permiten albergar dúbidas sobre a escrupulosidade do procedemento seguido nalgunha das transmisións da propiedade.

No hay comentarios: