lunes, 14 de diciembre de 2009

A guillotina de Genaro Puga

Un dos primeiros asasinados na capital pola modalidade do “paseo”, foi o industrial Genaro Puga Sánchez, ebanista, propietario dun taller con comercio de venda de mobles na rúa Real de Pontevedra. Tiña 46 anos. Algunha testemuña lémbrao facendo garda no goberno civil un dos días previos ao golpe.
Na Pontevedra de despois do triunfo electoral da Fronte Popular, correuse o rumor de que Puga fabricara unha guillotina e, nas liortas dialécticas entre adversarios políticos, algúns aventuraban como destinatarios da mesma a coñecidos dereitistas. Non tardarían en pasar factura pola real ou suposta guillotina.
As testemuñas apuntan que, neste caso, non foi obra de “cívicos” senón dun grupo de falanxistas moi activo nos primeiros días tras o golpe. Na madrugada do nove de agosto de 1936 apareceu o seu corpo nas lindes entre Bora e Mourente. Uns din que o tiraron ao río Almofrei dende as pontes de Bora; a versión que aparece nos xornais é que apareceu “próximo a un regato que existe en la carretera de Orense, en el límite entre las parroquias de Mourente y Bora” (El Pueblo Gallego, 12-8-36) ou sexa na zona das Eirós.
O cadáver presentaba un tiro na noca con orificio de saída por un ollo. Pero o que máis impresionou ás persoas que viron o cadáver foi que o seu corpo estaba cheo de “pinchazos”, no que se apunta como o resultado da tortura para que dera conta do paradeiro da dita guillotina...
O cinismo dos redactores do xornal falanxista antes citado permítelles rematar a noticia coa seguinte frase: Descanse en paz y reciban sus familiares nuestro pésame.
Un ano despois, a Comisión provincial de incautación de bens manda instruír expediente sobre declaración de responsabilidade civil contra Bibiano Fernández Osorio Tafall, Aurelio Marzoa e Genaro Puga.

No hay comentarios: