lunes, 4 de agosto de 2008

Donativos



Un capítulo moi importante no financiamento do bando sublevado foi o relativo ás aportacións, voluntarias ou non, en subscricións patrióticas, selos e emblemas, entregas de ouro e xoias, talleres de fabricación de roupa para a fronte, etc.


Nesta entrada imos centrarnos nos donativos, deixando para outra ocasión campañas como a do Prato Único, Día sen postre ou semellantes.


Sen ánimo exhaustivo, na Pontevedra da época, atopamos listas de donativos para: avión Pontevedra (tratábase de mercar un avión para o exército como aportación pontevedresa ), Garda Cívica, Pro acorazado España, Pro Exército e milicias do Oitavo Corpo, Pro Causa Nacional, Aguinaldo do soldado, Batallón de Voluntarios de Pontevedra, Mausoleo aos nosos heroes, Asistencia a Frontes e Hospitais, para os templos devastados de Asturias, Xunta de Socorros para defensa da Patria, café para a fronte, etc.


Ás veces as subscricións obedecían a un feito máis ou menos puntual: en novembro do 36, cando se pensaba que a toma de Madrid era inminente, artéllanse iniciativas como “Para el altar del Apóstol en Madrid” para o que se tiña ata decidido o lugar de emprazamento, que ía ser na Glorieta de Cuatro Caminos ou a organización dunha comida para pobres que, por iniciativa de Falanxe, daríase para festexar a entrada na capital.


Atopamos tamén colectas singulares como a que, a iniciativa de Renovación Española, encabeza Víctor Lis con 25 pta para regalar unha imaxe da Virxe do Pilar ao xeneral Franco en novembro do 36.


Os listados de donantes por estes conceptos e tamén de ouro e xoias, son unha radiografía da sociedade pontevedresa. En ocasións, os nomes son substituídos por expresións como: Un niño con un Viva España, 25 pta, Dos españoles de veras, 10, Viva España Gloriosa, 25, etc. Tamén atopamos contías moi elevadas como a de Casimiro Gómez con 50.000 pta e outras de carácter corporativo como a do Colexio de Rexistradores que, o 12-3-37, aportan 705,85 pta. Sirva como dato de referencia que, en xullo do 1937, o goberno militar de Pontevedra fai público que o recadado no mesmo Pro Causa Nacional dende a data do golpe militar, ascende a 1308412,96 pta.


Aparte da xa mencionada recollida de ouro, prata, xoias...tamén se aportan donativos en especie, por exemplo o concello de Cotobade, en decembro do 36, doa 12 galiñas, 1 botella de coñac, 1 de ron, 109 chourizos, 1 cacho de xamón, 2 pedazos de cacheira e un paquete de carne de porco (Diario de Pontevedra, 17-12-36).


As listas aparecen, ás veces, encabezadas por párrocos, empresas e ata entidades disoltas tras o golpe, como é o caso da Caixa Rural de Lérez na que “ se recogieron” pola Garda Cívica os víveres ( comestibles, bebidas, ferramentas...) que había na cooperativa incautada e se publicitaron como donativo ao “Movimiento”.


Eran tamén abundantes os ofrecementos de parte dos haberes ou da súa totalidade, como é o caso do cura de Lantaño, Vicente Cortizo, que pide ao marqués de Riestra (habilitado do clero) que ingrese a súa nómina no tesoro nacional “mientras dure la reconquista de nuestra Patria del inaudito salvajismo jamás visto en la historia de la humanidad” (Diario de Pontevedra, 24-8-36).


En ocasións organizábanse postulacións como a que se fixo para o exército, con motivo do Día da Raza e que recadou 1192,75 pta:

lindas manos femeninas en constante ofrenda patriótica dejaron unos instantes los “monos” y las lanas de los jerseys, saltando a las solapas de los hombres para prender en ellas unas cartulinas con los colores de la gloriosa enseña nacional.

Outro tipo de donativos podían causar maiores problemas polo seu posible contido, este era o caso dos libros para os soldados feridos, que debían ser entregados na Biblioteca Pública porque era o corpo de arquiveiros o encargado de que “ se haga realmente una selección escrupulosa en las lecturas” e recomendando a temática dos mesmos:

agradeceremos igualmente todo donativo que tienda a la exaltación de la hispanidad, la Historia de nuestra raza y a la glorificación del Movimiento que inició y lleva hacia el resurgimiento de España nuestro Caudillo. (El Pueblo Gallego, 27-4-37).

As discriminacións que puideran xurdir cando se trataba de repartos aos soldados, tamén podían estar previstas como no Paquete Aguinaldo, que podía ser mercado na confitería Ureta ou en La Abundancia, confeccionado en exclusiva para o aguinaldo do soldado de xeito que todos recibiran o mesmo contido. (Delegación de Asistencia a Frentes y Hospitales, 13-12-37).


Non sempre os donativos son tan voluntarios como se facía constar, por exemplo, unha nota do goberno civil do 3-9-37, resalta que os empregados da conserveira Herrero, de Marín, “ están dando una prueba de su gran patriotismo con lo que contribuyen cada uno” aos donativos pro Causa Nacional, pero solo entre ellos hay una sola excepción: la obrera NATALIA OTERO que no solo no contribuye, sinó que llega a exteriorizar su mal ejemplo entre sus compañeros; lo cual, unido a sus antecedentes durante el funesto frente Popular, me precisan, como primera providencia a imponerle una multa de CINCUENTA PESETAS (maiúsculas no orixinal).

Non sabemos se froito da “primera providencia” do gobernador ou a consecuencia de outras “providencias”, o certo é que na colecta voluntaria (sic) da citada fábrica de conservas publicada no Diario de Pontevedra o 10-11-37, Natalia Otero aparece cun donativo de 2,70 pta.


De todos os xeitos, a contía recadada non debía acadar as expectativas das autoridades, pois son repetidas as advertencias do goberno civil. Así, o gobernador Ricardo Macarrón, xa nos primeiros momentos da sublevación (24 de agosto de 1936), escribe:

Pero es tristemente obligado hacer constar, con la indignación que el hecho produce, que, al lado de estos ejemplos nobilísimos y en violento contraste con ellos, podrían citarse ( y se citarán, si es necesario) otros ejemplos de refinado egoísmo, de tacañería avarienta y de cerrada incomprensión, en no pocas personas adineradas [...] viva agazapado el monstruoso egoísmo de estos “emboscados” que solapadamente procuran obtener buena parte en los beneficios de la situación sin aportar en cambio la parte que en los beneficios le corresponde [...] Será doloroso tener que sacar a la vergüenza pública estos casos [...] Será doloroso ciertamente, pero este deber de justicia se cumplirá sin contemplaciones cuando se crea necesario, sin perjuicio de adoptar también otras medidas más expeditivas y eficaces. Todos deben darse por notificados de esta admonición y obrar en consecuencia para evitarse contratiempos.

A nota anterior e outras na mesma liña, son suficientemente esclarecedoras.

No hay comentarios: