lunes, 28 de abril de 2008

A reposición do crucifixo nas escolas

O ámbito escolar foi obxecto dunha especial atención por parte das novas autoridades: por unha banda, tivo lugar un exhaustivo proceso de depuración do profesorado (proceso maxistralmente estudado por Anxo Porto no seu último libro: Mestras e mestres pontevedreses depurados polo franquismo. Ponteareas: Edicións Alén Miño.2008.Libro que recomendo vivamente) que deu lugar a separacións do servizo e, en moitos casos, á morte; por outra banda, levouse a cabo unha visibilización da volta aos valores da España tradicional, mediante unha serie de actos de alto simbolismo, como foron as reposicións do crucifixo nas escolas.

Estes actos están tamén relacionados cos de homenaxe á bandeira, pois como dicía o comandante militar de Pontevedra D. Leoncio Aspe: nuestra bandera no puede permanecer separada del símbolo que la protegió y que ahora, juntos de nuevo, señalan el renacer de la patria.

Nos primeiros días do mes de setembro de 1936, teñen lugar na capital e parroquias circundantes os actos de reposición dos crucifixos. Hai unha serie de apartados comúns a todos eles:

  • Misa e bendición do crucifixo polo párroco.

  • Plática a cargo dun sacerdote.

  • Procesión ata a escola onde se repón.

  • Discurso dunha autoridade civil ou militar.

  • Discurso dun mestre ou mestra.

  • Cerimonia de bicado do crucifixo.

Asistían as primeiras autoridades xunto con toda a parafernalia de gardas cívicos, falanxistas, requetés...

O domingo 6 de setembro reponse o crucifixo en diversas parroquias pontevedresas. En Campañó a misa solemne e bendición ten lugar na capela de Santo Paio e, no acto, teñen especial protagonismo os requetés, que dan garda ao altar, participan na procesión cara a escola e son tres “pelayos” os que portan o crucifixo. En Lourizán a cerimonia ten lugar na igrexa dos Praceres, pronunciando unhas verbas na escola de nenos o mestre Enrique Touriño e, na de nenas, a mestra Dolores Crespo.

En Cerponzóns está presente o alcalde da capital, señor Becerril, que pronuncia unha vibrante alocución do mesmo xeito que os mestres.

Para un relato máis polo miúdo dos actos pode servirnos o celebrado na parroquia de Lérez: asiste o capitán de artillería señor Sánchez Cantón en representación do comandante militar, o alcalde Becerril e outras personalidades. O cura, don Leandro del Río, celebra unha misa conventual e o sacerdote e mestre nacional D. Jorge Vázquez (logo inspector e membro da comisión depuradora do maxisterio) pronuncia unha homilía alusiva ao acto siendo muy elogiada por la belleza y ternura de sus conceptos (Diario de Pontevedra, 9-9-36). O altar maior ten unha garda de honra a cargo da Garda Cívica, requetés e a súa sección infantil de “pelayines”.

Bendice o crucifixo don Leandro que dirixe unhas palabras aos asistentes. A procesión dende o templo á escola da Porta do Sol, está presidida polas autoridades participando centos de persoas, a cruz é levada polo coadxutor Juan Rivas. Chuvia de flores e vivas a Cristo-Rei, a España e ao exército.

A mestra, Dª Fina Torrado, le unhas páxinas:

...Gracias, nobles y valerosos señores jefes y oficiales del Ejército, por haberme proporcionado esta hora de íntimo contento. He pasado muchos meses trabajando entre tinieblas como el marino que ve ocultarse la estrella polar. Hoy vuelve a brillar sobre nuestras cabezas para señalarnos el camino de la fe y de la patria. Que ninguna nube de impiedad vuelva a separarla de nuestras miradas. Que el crucifijo bendito sea la égida de la maestra y de las alumnas y que pronto lo veamos reinar en una España, redimida y feliz por la paz y el trabajo. Soy mujer, soy española, soy un insignificante miembro del magisterio. Por cada uno de estos títulos, un voto de gracias, señores. Por los tres juntos, ¡Viva España! ¡Arriba España! ¡Siempre España!

A continuación fala o capitán Sánchez Cantón (militar con especial protagonismo no levantamento de xullo na capital) e, de novo, o cura don Leandro. No desfile para bicar o crucifixo e a bandeira, repártense recordatorios. Unha festa como no la recuerdan parecida las personas más ancianas de Lérez y que dejará en el alma de cuantos la presenciaron un recuerdo de los que jamás se borran.

Relevancia especial teñen os actos nas escolas da capital celebrados o martes 8 de setembro. A xeito de exemplo, relatamos o acto de entronización do crucifixo e da bandeira efectuado na escola de párvulos da Moureira. Ten un protagonismo especial o presbítero de Santa María e director da Juventud Católica, don José Calvo (foi profesor da Normal de mestres durante moitos anos) que fai unha comparación entre o rico, o individuo da clase media e o pobre. A catequista Socorrito Rial, cantou unha pregaria acompañada polas nenas da escola e a mestra, María del Carmen Cornes, fai uso da palabra na liña habitual destes actos:

...Hoy vemos aparecer en esta escuela que me cabe la honra de dirigir, dos símbolos gloriosos, que hace tiempo habían desaparecido de nuestra vista, para no presenciar los crímenes de las hordas salvajes y anarquizantes que los ultrajaban...

A continuación cantouse o “Cristo vence” e houbo reparto de bombóns aos nenos.

1 comentario:

bea dijo...

noraboa polo blog!
tristemente, os crucifixos aínda os podemos atopar nas aulas...