viernes, 18 de abril de 2008

Monte Porreiro. 17 de abril de 1937

Sen lugar a dúbidas, á cabeza dos lugares máis sinistros do mapa da represión pontevedresa, está a carreteira (avenida de Buenos Aires) que, rente ao río, leva a Monte Porreiro. Nunha explanada na que hoxe hai unhas casas de planta baixa, á man dereita, levábanse a cabo os fusilamentos acordados nos consellos de guerra e tamén "paseos".

Alí, o 17 de abril de 1937, foron fusiladas as seguintes persoas:

José Besada Nieto, 27 anos e Narciso Suárez Lojo, 44 anos, industrial, (Illa de Arousa).

Manuel Chapela Couso, 20 anos, canteiro, Avelino Chapela Soliño, 32 anos, tamén canteiro e tío do anterior, José Gómez de la Cueva “Johán Carballeira”, 34 anos, xornalista e alcalde de Bueu, Manuel Graña Poseu, 25 anos, pescador e dirixente local da CNT, (Bueu).

Constantino Gómez Rodríguez, 25 anos, mestre, Claudio Magdalena González, 37 anos, electricista, Víctor Moldes Carro, 50 anos, comerciante, Albino Sánchez Leiro, 28 anos, fontaneiro e follalateiro, (Pontevedra) .

O mesmo día tamén aparece fusilado Saturnino Blanco Abal, 44 anos, habendo dúbidas sobre o lugar e circunstancias da súa morte.

Imos achegarnos un pouco máis aos catro fusilados pontevedreses:

Constantino Gómez pertencía ao partido socialista e exercía como mestre en Setecoros, no concello de Valga.

Claudio Magdalena González, casado, con tres fillos, era electricista e tamén tiña unha casa de comidas na rúa de S. Román nº 19 (baixo). Dito establecemento era un dos lugares nos que, en novembro do 35, podían inscribirse os pontevedreses que quixeran integrar a excursión organizada para asistir ao mitin que, o 10 dese mes, ía celebrarse en Vigo, coa participación de Ortega y Gasset, Francisco Galán e Pasionaria. No ano 1933 fora vocal da directiva do Partido Republicano Radical Socialista. Xunto a outros compañeiros anda fuxido, sendo detido na tarde do 8 de setembro de 1936 nos montes de Xeve. As notas oficiais califícano de comunista e dicían que era un dos más significados extremistas que había en nuestro pueblo (Diario de Pontevedra 9-9-36). A captura de Magdalena foi efectuada polos cívicos Borrajo, Rodríguez e Aranda.

A presión das forzas represoras nos montes de Xeve e Lérez é forte pois saben da presenza na zona doutros fuxitivos.

Así, o 11 de setembro deteñen a varias persoas da capital, entre elas a Albino Sánchez Leiro, alcuñado “O Perrita”, veciño do Burgo, solteiro, 2 fillos. De ideoloxía comunista, fora un dos compoñentes das milicias que estiveran no goberno civil durante os sucesos do 19 e 20 de xullo, participando nas requisas de armas que se levaron a cabo naquelas horas. Logo da detención, está preso no cárcere pontevedrés e tamén na Illa de S. Simón.

Víctor Moldes Carro, dirixente agrario, casado, 5 fillos, este lerezán que fora emigrante na República Dominicana, propietario dun comercio nas “Cinco Calles” que lle será confiscado, ocupara o posto de presidente no Congreso da Federación Agrícola Comarcal de maio do 1935 que, entre outras proposicións, aprobou as seguintes: poñer todos os medios para obter a amnistía de todos os presos políticos e sociais, loitar pola libre destilación e que non se puxeran atrancos para a venda do augardente, a abolición dos foros e a renda foral, contra a pena de morte e todo estado de excepción...

Víctor Moldes, que xa fora detido no 1934, vai ser detido de novo en Lérez, na tarde do 16 de setembro, logo de andar fuxido polos montes da comarca. Participaron na súa detención, o alférez da G. Civil Francisco Muñoz, o garda Roberto Domínguez e os cívicos Víctor Lis, Jesús Estévez e Secundino Portela.

O 17 de febreiro de 1937, celébrase consello de guerra contra os detidos de Pontevedra (causa 115/37), o 29 de decembro do 36 contra os de Bueu (causa 1363/36) e o 3 de marzo de 1937 aos dous da Illa de Arousa.

As execucións dos condenados lévase a cabo nas primeiras horas do sábado 17 de abril. Albino Sánchez Leiro, antes de entrar en capela, contrae matrimonio coa súa compañeira Carmen Casalderrey Dios, coa que tiña dous fillos e que aínda vive en Lérez.

Dende a illa de A Xunqueira, fronte ao lugar das execucións, algúns familiares e persoas amigas, escoitáronos cantar cando ían cara ao paredón.

Para os seus familiares as penalidades continúan: visitas dos cívicos e falanxistas, represalias á hora de exercitar os seus dereitos e tamén a incautación e puxa de bens :

La comisión de incautación de bienes de la provincia, acordó que se instruya expediente sobre declaración de responsabilidad civil contra las siguientes personas: Claudio Magdalena González, Albino Sánchez Leiro (a) “El Perrita”, Manuel Buján Rivas, Constantino Gómez Rodríguez, Pascual Guillán Abalo, Benigno Mora Villanueva, José Suárez Carro, Evaristo Mosquera Martínez, Celestino Poza Cobas, Celestino Poza Pastrana, Víctor Moldes Carro, Castor Pérez Peón, Ramón Sáenz de Inestrillas, Antonio Salvador Caja, Constancio Royo Giménez, José Acuña Lamas y Ricardo Fariña, vecinos de Pontevedra. Instruirá el expediente el Juez de Instrucción de Pontevedra D. Serapio del Casero...

Hoxe, en abril do 2008, están na nosa lembranza.

No hay comentarios: